A Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa tópase en Quilmas, unha pequena aldea do Concello de Carnota. Os terreos que se traballan en común están nunha franxa de terra agrícola que bordeia a costa entre o Océano Atlántico e o Monte Pindo.
Neste territorio desenrolamos a nosa actividade. Ata o de agora contamos con cultivos de exterior coma as nabizas, patacas ou espárragos que medran a carón do mar en diferentes leiras, tamén temos 4 naves de invernadoiros nas que medran protexidas as hortalizas máis delicadas e sensibles aos ventos inclementes da zona. Mesmo na Estrada Xeral estamos a adecuar un espazo que `funcione coma almacén, obrador e local de venda de produtos ecolóxicos de proximidade. Notificarémosvos próximamente os avances realizados neste tema.
Para chegar ás instalacións da Raínha Lupa é preciso virar dende a estrada xeral AC 550 ( Muros-Cee) cara o mar, seguindo o camiño do Portiño. O invernadoiro que se atopa á dereita xa na Agra de Quilmas, marca o comezo dos terreos cultivados pol@s soci@s que se extenden ata as instalacións da piscifactoría de Stolt, ao carón da Praia de Corna Becerra. Esta superficie é a Agra de Quilmas que dende o 2008 está en proceso de recuperación para o cultivo en ecolóxico de froiteiras, cereais e hortalizas.