Con este tempo tan soleado andan as abellas coma tolas, entran e saen das colmeas acarrexando alimento. Coas primeiras raiolas despois das chuvas nin elas nin as plantas con flor se poden resistir á atracción mútua, este vínculo ancestral.
As abellas son imprescindíbeis para a polinización das plantas superiores e polo tanto da súa reproducción, evolución e adaptación aos hábitats, colleitan o pole ou o néctar de cada especie vexetal de forma específica, son moi selectivas. Cando unha expedicionaria recoñece unha floración interesante volta inmediatamente á colmea e comunícalle ás súas compañeiras obreiras pecoreadoras onde está o manxar. Despois da danza orientativa saen todas nesa dirección a colleitar o néctar, melato ou pole desas plantas concretamente; indo de flor en flor arrastran o pole de diferentes plantas da mesma especie e favorecen o intercambio xenético. As abellas morden os estambres coas mandíbulas e almacenan, nos canastos que teñen nas patas, as bolas de pole amalgamado coa saliva. Visitarán estas flores até esgotar os recursos alimentícios que lles proporcionan, facendo a súa función do principio ao final da floración.
O pole é a parte protéica do alimento das larvas e ten especial importancia na época de cría, neste intre ten que ser abundante senón probocaría carencias nas futuras obreiras e debilitaría á colmea. Os salgueiros son das primeiras fontes de pole ao final do inverno.
A presenza de polinizadores nas hortas, bosques e plantacións de froiteiras e outros cultivares, implica un incremento cuantitativo e cualitativo da biodiversidade e da produción; coa presenza de insectos beneficiosos teremos máis froitos e de mellor calibre!
Ollade os seguintes datos que mostran o incremento de froitos en
- cerdeiras, maceiras e pereiras= 10-20%.
- berenxenas e mandarineiros= 50-60%.
- kiwis= 80-90%.
(Bornet y Bricout- 1985)
Unha terceira parte da nosa dieta depende directa ou indirectamente das plantas polinizadas polos insectos (80% da polinización total), na súa maioría abellas.
Este fin de semana celébrase en Arzúa o Día da Abella esta celebración verase coroada pola victoria das abellas sobre o pesticida Cascade declarado ilegal polo Parlamento Europeo. Noraboa!!