Archive for Marzo 2013

Mercado Eco en Quilmas, 29 de Marzo

Quilmas acolle a VI edición do Mercado Ecolóxico Tradicional o venres 29 de Marzo. Este mercado enmárcase nunha ristra de eventos que terán lugar nos vindeiros 6 meses onde acogollaremos na nosa aldeia un compendio dos diferentes movementos que están a xirar e traballar ao redor da agroecoloxía na Galiza. as labregas, apicultoras, artesás dos alimentos e da natureza e colectivos que traballan a cotío pola defensa do medio ambiente, teñen nestes eventos un espazo para a mostra, a divulgación e a conexión de ideias co público en xeral. As persoas que teñan inquedanzas nos xeitos de produción de alimentos ecolóxicos ou en movementos de acción medioambiental e sostibilidade práctica, en proxectos pola defensa da terra…

Así que haberá mel (de moitas variedades e procedencias), queixos de San Simón e Arzúa Ulloa, Cevexas artesás, viño ecolóxico de Monterrei e Mencías, pan biolóxico (con formentos naturais e fariña do país ecolóxica e sen aditivos), coma sempre o  o eixo principal que move estes mercados é o produto de horta fresco de tempada (couveflor, repolo, ceboleta, leitugas, porros, cenoiras, entre outras nesta época), tamén haberá diferentes complementos cas labregas e labregos transforman coma doces, licores e conservas de todo tipo así coma planteles de tempada, ovos…Este ano dende Raínha Lupa temos a inquedanza de engadir animais vivos aos mercados e promocionar a gandeiría de razas autóctonas máis resistentes ás enfermidades e rústicas no seu manexo resistindo e precisando estar ceibas, por tanto, idóneas para a produción ecolóxica. Contaremos tamén con cesteiros e ceramistas, artistas versatis que recuperan materiais e reutilízanos transformándoos en obxectos utis.

Estará connosco Adela Figueroa Panisse “Curra” para presentar o seu último libro de teatro infantil e/ou xuvenil ” O mistério da escada interior”. Despois de internarnos nas fragas e os ríos, nos augas e nos montes, nas visións dos nenos sobre os  contos, contarnos histórias das mulleres-árbores, mostrarnos a natureza integrada na cultura galega e por tanto n@s galeg@s, Curra achégase de novo a Quilmas para mostrar o seu libro que conta coas marabillosas ilustracións de Celsa Sánchez.

1358495694o_misterio_da_escada_interior
Tamén nestes mercados há espazo para o lecer, para desfrutar da contorna descubrindo a aldeia da Curra, as praias antigas de Quilmas e Panchés, o Porto natural de Quilmas, as múltiples cabaceiras que evocan eses tempos onde estaban cheias de alimentos e, polo tanto, cando as leiras eran mosaicos de cultivares coridos perfilados por sebes e muros de pedra.

O mercado tópase na subida ao Monte dende Quilmas xunto a pista desportiva descuberta. Os autos teñen lugar abondo onde aparcar.

O mercado tópase na subida ao Monte dende Quilmas xunto a pista desportiva descuberta. Os autos teñen lugar abondo onde aparcar.

Dende A Explanada do Campo da Feira, enclavada aos pés do Monte Pindo, accédese a varias rotas para descubrir través de sendeiros antigos, camiños de “a pé” que comunican Quilmas con Caldebarcos ou que suben á Moa (punto máis elevado do macizo con 625 m de altitude)… e pensar que a xente de Quilmas ía no verán até o Chan da Moa coas vacas, por esas ladeiras de pedra, pasando polo Chan das Lamas, pola Casa da Raíña Lupa, polo Chan de Lourenzo e polos Muros de Arriba para chegaren onde se mantiña fresco o pasto verde-mol!!

 

Advertisement

Floración dos Salgueiros- fonte de pole para as abellas.

Abella colleitando pole de salgueiro febr

Con este tempo tan soleado andan as abellas coma tolas, entran e saen das colmeas acarrexando alimento. Coas primeiras raiolas despois das chuvas nin elas nin as plantas con flor se poden resistir á atracción mútua, este vínculo ancestral.

Abella colleitando pole de salgueiro

Abella colleitando pole de salgueiro

As abellas son imprescindíbeis para a polinización das plantas superiores e polo tanto da súa reproducción, evolución e adaptación aos hábitats, colleitan o pole ou o néctar de cada especie vexetal de forma específica, son moi selectivas. Cando unha expedicionaria recoñece unha floración interesante volta inmediatamente á colmea e comunícalle ás súas compañeiras obreiras pecoreadoras onde está o manxar. Despois da danza orientativa saen todas nesa dirección a colleitar o néctar, melato ou pole desas plantas concretamente; indo de flor en flor arrastran o pole de diferentes plantas da mesma especie e favorecen o intercambio xenético. As abellas morden os estambres coas mandíbulas e almacenan,  nos canastos que teñen nas patas, as bolas de pole amalgamado coa saliva. Visitarán estas flores até esgotar os recursos alimentícios que lles proporcionan, facendo a súa función do principio ao final da floración.

  O pole é a parte protéica do alimento das larvas e ten especial importancia  na época de cría, neste intre ten que ser abundante senón probocaría carencias nas futuras obreiras e debilitaría á colmea. Os salgueiros son das primeiras fontes de pole ao final do inverno.

IMG_8879

Outra visitante do Salgueiro en flor, a volvoreta Inachis Io

 

A presenza de polinizadores nas hortas, bosques e plantacións de froiteiras e outros cultivares, implica un incremento cuantitativo e cualitativo da biodiversidade e da produción; coa presenza de insectos beneficiosos teremos máis froitos e de mellor calibre!

Ollade os seguintes datos que mostran o incremento de froitos en

  • cerdeiras, maceiras e pereiras= 10-20%.
  • berenxenas e mandarineiros= 50-60%.
  • kiwis= 80-90%.

(Bornet y Bricout- 1985)

Unha terceira parte da nosa dieta depende directa ou indirectamente das plantas polinizadas polos insectos (80% da polinización total), na súa maioría abellas.

Este fin de semana celébrase en Arzúa o Día da Abella esta celebración verase coroada pola victoria das abellas sobre o pesticida Cascade declarado ilegal polo Parlamento Europeo. Noraboa!!